PACHI VÁZQUEZ AFIRMA QUE FEIJÓO É O “PRINCIPAL ADVERSARIO” DA DINAMIZACIÓN DE GALICIA AO REDUCIR A LICITACIÓN DE OBRA PÚBLICA E RENUNCIAR EXPRESAMENTE ÁS POLÍTICAS DE EMPREGO
Denuncia que Feijóo “segue a dar pasos implacables no seu ataque ao sistema sanitario público”, que pasou de peche de quirófanos e incremento de listas de espera ao peche de hospitais como o Cristal Piñor
Esixe a Feijóo unha explicación sobre as relacións do PP de Galicia con empresas implicadas no Gürtel “por hixiene política”
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2010.- O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, afirmou hoxe que Feijóo é “o principal adversario” da dinamización de Galicia, como demostra a súa “renuncia expresa” a poñer en marcha políticas activas de emprego e a redución da licitación de obra pública en máis dun 50%. Vázquez fixo este análise ao remate da xuntanza da Comisión Interparlamentaria do PSdeG, da que forman parte os 80 deputados e senadores que contan con representación nas cámaras provinciais, autonómica, estatais e europea, para a posta en común das accións políticas a emprender nos vindeiros meses.
Unha das cuestións que centraron a xuntanza foi a problemática do desemprego debido á “inacción” e á “renuncia expresa” do Goberno galego á posta en marcha de políticas activas de emprego, que levaron a Galicia no último trimestre a un “novo récord” con 236.449 parados, e a acadar, por segunda vez consecutiva, “o teito do desemprego na nosa comunidade”, sinalou Vázquez.
O líder socialista lamentou que “cada día do mandato de Feijóo cerca de 90 persoas pasan a engrosar as listas de paro e que cada día peche unha empresa”. A isto engádese a diminución no 51% da licitación de obra pública dende a chegada de Feijóo á Xunta, o que o converte “no principal adversario da dinamización de Galicia”, apuntou.
Esta situación cobra unha “incidencia especial” ao celebrarse o Ano Santo “que debería ser un elemento diferencial que marcase a impronta das políticas de emprego”, sinalou Vázquez, “e que non está a ser así pola improvisación e a falla de compromiso do Goberno galego co Xacobeo”.
Así, lamentou que ademais do “fracaso estrepitoso” das políticas de cultura a través do Xacobeo e da promoción externa do mesmo, “teñan que ser os alcaldes dos concellos do Camiño de Santiago os que aborden as actuacións no camiño” ante o “abandono e a desidia” da Xunta. Vázquez anunciou que na vindeira semana o PSdeG manterá unha xuntanza cos alcaldes e portavoces destes concellos para escoitar as súas demandas nesta materia.
Sanidade
Pachi Vázquez foi especialmente crítico co “ataque” de Feijóo ás políticas sociais, e en materia sanitaria dixo que Feijóo “conseguiu un fito histórico, consistente en pechar hospitais en lugar de abrilos”, en referencia ao Cristal Piñor en Ourense. Vázquez lamentou que “unha parte da cidadanía ourensá quede sen atención sanitaria por unha decisión política” e advertiu que “cada día colle máis corpo a evidencia dun tento de desmantelar a sanidade pública”.
“Feijóo está a dar pasos implacables no seu ataque ao sistema sanitario público”, advertiu Vázquez, “comezou co peche de quirófanos, seguiu co incremento das listas de espera, e agora da un salto cualitativo e pasa a pechar hospitais”. A este respecto asegurou que “os socialistas galegos traballaremos para defender os dereitos sociais dos galegos e galegas”.
Eleccións municipais
Por outra parte, o secretario xeral dos socialistas galegos avanzou que o seu partido está a traballar na elaboración das listas para presentar candidaturas en todos os concellos de Galicia “poñendo o punto de mira nas deputacións de Pontevedra e Ourense”.
Así, afirmou que os datos demoscópicos que manexa o PSdeG demostran “que hai unha confianza maioritaria para seguir gobernando en todas as cidades, e moitísimas posibilidades de acadar maior presencia nos concellos de Pontevedra e Ourense, que nos permitirían chegar a gobernar as deputacións”.
Trama Gürtel
Vázquez manifestou a súa “perplexidade” ante o análise que fai o PP de Galicia sobre as derivacións da trama Gürtel en Galicia. “Cando todos os medios de España poñen os focos sobre o PP de Galicia, Feijóo fala de contundencia dende Madrid, pero en Galicia non fai nada”, sinalou.
Por elo, reclamou a Feijóo que dea unha explicación aos galegos ante as “cousas gravísimas que se están a dicir” e que aluden á relación do PP de Galicia e do propio Feijóo con empresas claramente implicadas na trama.
“Como presidente do PP de Galicia, e por hixiene política, Feijóo debe dar unha explicación aos galegos”, sentenciou Vázquez, á vez que lembrou que “a pesar de que agora Fraga diga que o PP botou a Pablo Crespo a patadas, o certo é que Feijóo non só non o botou senón que o mantivo no Consello de Administración de Portos de Galicia mentres foi conselleiro de Política Territorial, ata que chegou o PSdeG ao goberno da Xunta”.