sponsor

Cambiar tamaño del texto


Sports

Tamaño del texto: 10 12 14 16 18

Desconvocada a Folga na ampliación do Concello de Nigrán. A compañía recoñece tamén a improcedencia do despedimento dun traballador e asumirá a indemnización, horas extras e atrasos

Os traballadores que están a levar a cabo as obras de ampliación da Casa do Concello de Nigrán decidiron desconvocar o paro indefinido en protesta polas condicións laborais despois de que a empresa se comprometese a cumprir o convenio colectivo da provincia, tanto en materia salarial como de horarios. Tamén recoñece a improcedencia do despedimento dun traballador e adiantou que asumirá indemnización correspondente, así como o pago das horas e extras e os atrasos que lle adebeda.

A mobilización iniciado o pasado 21 de xuño encádrase na campaña que a central nacionalista está a desenvolver nos últimos meses para denunciar as condicións laborais existentes na maior parte da obra pública que se acomete en Galiza. Dende a CIG-Construcción explican que a protesta de Nigrán perseguía tamén forzar á dirección da empresa a readmitir ou indemnizar a un operario ao que se lle comunicou o fin de obra por reclamar os seus dereitos. “Os traballadores fan 10 horas diarias e cobran fóra do convenio, entre 6 e 7,5 euros a hora”, indica Xulio Vicente, membro da executiva nacional da Federación. Outra das demandas ten que ver co cumprimento do convenio, tanto en materia salarial como no que respecta ao horario de traballo. O representante sindical comenta que xa trasladaron a situación ao alcalde da vila, “pero as dúas veces díxonos que non era cousa del”.

O despedimento produciuse cando esta persoa presentou unha instancia na que solicitaba cumprir a xornada laboral que establece a normativa, e agora a empresa négase a readmitilo ou pagarlle o soldo de maio e a indemnización correspondente. Vicente explica que na ampliación da casa consistorial traballan as empresas Exconsa e CRC, aínda que a maior parte dos empregados son subcontratados a través de Davalpo. De feito, as dúas primeiras só teñen tres asalariados nesta obra, mentres que os 11 restantes pertencían a Davalpo, ao igual que o traballador despedido.

Dende a CIG indican que as compañías están a botar man de traballadores foráneos, sobre todo chegados de Portugal, para sacar adiante traballos en condicións precarias. De feito, 10 dos 11 traballadores subcontratados a través de Davalpo son desta nacionalidade. O único traballador galego foi precisamente o despedido. “Estas empresas non teñen a penas infraestrutura e dedícanse unicamente a subcontratar traballadores en peores condicións para determinadas obras”, lembra Xulio Vicente.

Diante disto, o sindicato nacionalista está a desenvolver unha campaña para denunciar os abusos que se están a cometer cos traballadores en obras encargadas polas Administracións públicas. En anteriores ocasións leváronse a cabo accións informativas nas obras do AVE en Redondela, no Auditorio de Vigo ou nos aeroportos de Santiago e Vigo.

Fashion