CARMEN GALLEGO CRITICA AO CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE POR “TENTAR IMPEDIR” A CONSTRUCCIÓN DA EDAR DE VIGO
A responsable de Medio Ambiente do PSdeG lémbralle a Xunta que a construcción da depuradora de Vigo é a súa responsabilidade
Sinala que o conselleiro non pode “ir de campión rachando todos os acordos” e advirte que esta actitude pode levar a Galicia a ter que pagar a multa da Unión Europea
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2010.- A secretaria de Medio Ambiente e Mariño do PSdeG, Carmen Gallego, criticou hoxe a nova ruptura de acordos do conselleiro de Medio Ambiente respecto á construcción da depuradora de Vigo e acusou a Agustín Hernández de “tentar impedir” que Vigo conte coa nova EDAR.
“Xa está ben de romper acordos” afirmou Gallego, quen advertiu a Agustín Hernández que “non pode ir de campión” xa que esta actitude pode levar a Galicia a perder o investimento comprometido polo Ministerio de Medio Ambiente e a ter que pagar a multa da Unión Europea.
Así, Gallego lembrou que nada máis chegar á Xunta, o conselleiro de Medio Ambiente rachou o primeiro dos acordos alegando que “non tiña diñeiro”, algo que “é totalmente falso”. Naquel entón, a boa vontade do Ministerio de Medio Ambiente fixo posible o aprazamento do pago e o mantemento do proxecto.
Pero, novamente, o conselleiro de Medio Ambiente “no seu afán de tentar impedir que Vigo teña unha nova EDAR” rompeu este acordo aducindo que o concello tiña que asumir un pago “que non se lle esixe a outros concellos nos que si se están a construír depuradoras”, apuntou Gallego.
Lembrou que, unha vez máis, a ministra de Medio Ambiente resolveu esta situación, acadando unha rebaixa respecto ao custo total da depuradora. Tras acadar esta solución “o conselleiro saca da manga unha nova escusa e volve a romper os acordos acadados, pedindo ao concello de Vigo que asuma o custo do IVA”.
“Curiosamente, só o conselleiro de Medio Ambiente rompe acordo tras acordo, e só el pon reparos, dilatando deste xeito a construcción da depuradora de Vigo”, sinalou Gallego, quen lembrou ademais que a EDAR “é competencia da Xunta”.
Por elo, instou a Agustín Hernández a “asumir a súa responsabilidade dunha vez por todas” xa que con esta actitude “que non é seria nin propia dunha persoa que ocupa este cargo” o único que vai conseguir é que Galicia teña que pagar a multa da Unión Europea, que foi aprazada tras a presentación do proxecto de construcción da EDAR presentado polo anterior Goberno socialista.
Gallego instou a Hernández a “deixar as escusas para non facer a depuradora” e a “asumir a súa responsabilidade como conselleiro”, xa que de non ser así, Vigo podería quedar sen unha infraestrutura “imprescindible” e ademais pode perder os 112 millóns comprometidos polo Ministerio de Medio Ambiente e ter que asumir o pago dos 20 millóns da sanción da Unión Europea.