BARCÓN RECLAMA A BALTAR QUE DEIXE A VICEPRESIDENCIA DO PARLAMENTO POR CONVERTER AO PP DE OURENSE NA “CLOACA POLÍTICA DE GALICIA”
Empraza a Feijóo a esixir a dimisión de Baltar “porque o seu comportamento ofende á Cámara galega.
“Feijóo, que quixo converterse no adalid da nova dereita e a nova política, debe dar “un paso adiante e dicirlle a Baltar que basta de espectáculos”
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2010.- A portavoz do PSdeG, Mar Barcón, acusou hoxe ao presidente do PP de Ourense, José Manuel Baltar, de “comprar miserias humanas” tras incorporar as filas do PP ourensán a Eladio Fernández, e instou ao presidente do PP de Galicia, Núñez Feijóo, a esixir a dimisión de Baltar como vicepresidente do Parlamento de Galicia por “converter a política ourensá nunha cloaca”.
Barcón afirmou que “mercadear coas miserias humanas non pode ser a maneira de comportarse de quen se senta na mesa do Parlamento” polo que instou a Feijóo a que “lle diga a Baltar que se vaia porque o seu comportamento ofende á Cámara galega”.
“Ninguén ten dereito a converter a política do PP de Galicia e do PP de Ourense na cloaca da política española”, sinalou Barcón, quen engadiu que “esta é unha imaxe que hai que desterrar da política”.
Barcón lembrou o falecemento de Miguel Delibes destacando que a súa obra “Los Santos Inocentes” é un debuxo do caciquismo e da compra de miserias humanas na posguerra, e “hoxe hai alguén en Ourense que está a facer o mesmo que o señorito da novela”, apuntou.
Por elo, reclamou a Feijóo “que quixo converterse no adalid da nova dereita e a nova política” que de “un paso adiante” e lle diga a Baltar “que xa basta de espectáculos”.
“A pena por este feito non nola quita ninguén, pola marcha dun compañeiro”, dixo, “pero a mancha política, a irresponsabilidade e a deshonestidade tampouco hai quen lla quite a Baltar” . A este respecto adiantou que “lamentablemente en próximos días descubriremos feitos que deixarán claro por qué Eladio Fernández ingresou nas filas do PP”.
Un saúdo. Gabinete de Comunicación PSdeG-PSOE