Os deputados galegos cobran libre de impostos a metade do seu salario
Un salario próximo aos 5.000 euros mensuais e que pode chegar a superar amplamente os 6.000 pero cos impostos propios dun soldo de pouco máis de 2.000. Esta é, de maneira esquemática, a situación económica en que se atopan os 75 deputados do Parlamento de Galicia, os cales, en virtude dun acordo da Mesa da Cámara –órgano reitor da institución– asinado o 15 de marzo de 2006, só pagan o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) por, aproximadamente, a metade do total dos seus ingresos.
Se ben este acordo é público dende pouco despois de ser asinado por iniciativa da maioría gobernante naquela altura, a Lei de Transparencia aprobada polo bipartito no mesmo 2006 deixa fóra aos deputados da obriga de facer públicos os seus soldos concretos, algo que legalmente si deben facer todos os cargos da Xunta. Así, ata esta semana, cando o socialista José Manuel Lage Tuñas decidiu pendurar a súa nómina en internet, non foi posible coñecer con detalle que parte dos soldos parlamentarios é retida por Facenda como no caso de calquera outro traballador.
Tomando como referencia a nómina de Lage, é posible observar que, dos 4,678 euros que percibe mensualmente, apenas 2.322 están “suxeitos ao IRPF” e á retención correspondente, no caso deste deputado, un 19% que supón 441,32 euros. O resto do soldo, 2.796,62 euros, corresponde á “base non suxeita a IRPF” o que, na práctica, significa que o 54% do “líquido a percibir” está, na práctica, libre de impostos.
Para atopar a explicación a esta diferenza entre as retribucións dos deputados e o soldo de calquera cidadán cómpre remitirse, por unha banda, ao propio “acordo sobre o réxime económico dos deputados e grupos parlamentarios” acadado en 2006 e, por outra, á lei do Estado que establece que rendas do traballo están suxeitas ao IRPF.
Ata o momento de asinar ese acordo, a estrutura do soldo dos deputados era diferente á actual. Compúñase, como agora, dunha “asignación fixa”, que en 2006 se situou en 2.075 euros e que na actualidade tras os recortes do pasado ano, queda en 2.029,31. A este fixo engadíaselle un complemento por asistencia ás diferentes reunións da Cámara, que foi transformado na actualmente denominada “axuda de custo”, unha “contía mensual fixa para afrontar gastos de aloxamento e manutención que orixine a súa actividade parlamentaria”, fixada daquela en 2.092 euros e que, segundo figura na nómina de Lage Tuñas, xa se eleva ata os 2.657,62 euros.
O feito de que esta cantidade fixa que, na práctica, é unha parte substancial do salario sexa oficialmente unha axuda para desprazamento e manutención permítelles aos deputados refuxiarse no artigo 16 da Lei do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas. Nese precepto legal estipúlase que non se considerará “rendemento do traballo” e, polo tanto, cantidade suxeita a retencións, a “parte” do soldo dos membros do Parlamento Europeo, das Cortes Xerais ou dos Parlamentos autonómicos “que ditas institucións asignen para gastos de viaxe e desprazamento”. Non obstante, fontes xurídicas consultadas por Xornal de Galicia dubidan do completo axuste legal desta exención xa que, no caso da Cámara galega, a “axuda de custo” podería superar, ao final do ano, a cantidade máxima por axudas ao desprazamento que esta lei permite cobrar sen pagar impostos.
Con todo, esta cantidade fixa non é a única axuda que os parlamentarios reciben para os seus desprazamentos, senón que na súa nómina figura tamén o concepto de “locomoción” e “locomoción fixa”, que cobre os gastos de asistencia a xuntanzas, comisións e plenos dende o domicilio habitual e que cada deputado debe confirmar unha vez ao mes –dando conta tamén de se varía a súa localidade de residencia–. No caso dos deputados que empregan o transporte público, o importe gastado descóntase do gasto de locomoción, concibido para a utilización do vehículo privado.
Con todo, a exención fiscal de máis da metade do salario non é a única vantaxe económica dos parlamentarios. Segundo o estipulado no Regulamento do Parlamento –cunha redacción idéntica á do Congreso dos Deputados–, a Cámara faise cargo das cotizacións á Seguridade Social ou mutuas que o deputado pagase antes de incorporarse á Cámara, o que supón que non lle supón desconto ningún no soldo.