Vigo, 24 de novembro de 2010.– Mediante este comunicado queremos puntualizar as declaracións da presidenta da Autoridade Portuaria, Corina Porro, nas que indicaba que a extinción de lumes é competencia absoluta do Concello en todo o termo municipal.
Queremos recordarlle á señora Porro unha vez máis a existencia dunha sentenza xudicial que obriga á sinatura dun convenio entre o Porto de Vigo e o Concello para que, con total garantía legal e xurídica, o servizo municipal de Bombeiros poida actuar en terreo portuario -tal e como acontece, por exemplo, en Barcelona-, unha vez que a propia Autoridade Portuaria non conta co mesmo, tal e como estipula a normativa portuaria.
Independentemente dos informes, os ditames xudiciais imperan e obrigan sobre as leis, polo que a señora Porro ten que asinar co Concello de Vigo o convenio que lle vimos reclamando desde fai meses, como sinala o xulgado. ¿Ou é que acaso Corina Porro quere saltarse unha resolución xudicial?
Reiteramos a vontade do goberno municipal de Vigo de rubricar un convenio coa Autoridade Portuaria para garantir o servizo de extinción de lumes nunha das zonas con maior risco e protexer tanto ao colectivo portuario como ao equipo municipal de Bombeiros, que actúa máis aló das súas competencias.
O concellería de Mobilidade, Transporte e Seguridade do Concello de Vigo,
Xulio Calviño