A Federación Veciñal demanda á Presidenta do Porto a presentación do Plan de Usos e reclamoulle que se reúna coa Plataforma pola Defensa do Transporte Público da Ría de Vigo. - A FAVEC reiterou a súa oposición a calquera novo recheo na Ría.
Unha delegación da Comisión Permanente mantivo unha xuntanza coa Presidenta da Autoridade Portuaria, Corina Porro, na tarde de hoxe. A reunión que discorreu nun clima cordial fora solicitada no mes de xullo no marco da rolda de contactos con todas as administracións. A Presidenta da Autoridade Portuaria transmitiulle aos membros da Permanente veciñal a súa disposición a recibir ás veces que sexa necesario aos representantes da FAVEC, feito que desde a federación agradeceron. PLAN DE USOS E OPOSICIÓN A NOVOS RECHEOS Os representantes federativos preguntáronlle a Porro a respecto do Plan de Usos do Porto de Vigo, documento historicamente reclamado polo colectivo veciñal e por outras moitas organizacións sociais da cidade. A ese respecto a Presidenta do Porto limitouse a sinalar que o documento foi remitido en xuño a Portos do Estado. A respecto de posíbeis novos recheos a Federación Veciñal reiteroulle a súa firme oposición a calquera novo aterramento na Ría de Vigo. A Presidenta da Autoridade Portuaria, sorpresivamente, declarou coincidir completamente coa posición da federación e afirmou que non ten previsto impulsar ningún novo recheo. TRANSPORTE PÚBLICO DA RÍA A FAVEC trasladoulle á máxima responsábel do Porto a necesidade de que se aposte polo transporte público marítimo na Ría, sobre todo como elemento importante para a vertebración metropolitana, e sinaloulle que como integrante na plataforma do transporte de ría, oponse ao traslado dos puntos de atraque ou embarcadoiros, que se realizou recentemente. Porro indicou que esa ubicación é estritamente provisional por mor das obras. O único intre no que se produxo unha lixeira tensión durante a xuntanza, foi cando a Federación Veciñal instou á Presidenta da Autoridade Portuaria a recibir aos representes da Plataforma pola Defensa do Transporte Público na Ría de Vigo, da que forma parte o colectivo veciñal desde a súa fundación. Visibelmente tensa, Corina Porro contestou que non recibirá “baixo ningún concepto” á devandita plataforma que cualificou de “ilegal”, facendo ademais unha dura crítica contra do responsábel da mesma, Francisco Ferreira, feito que foi retrucado polos dirixentes da FAVEC que saíron en defensa da plataforma e do seu portavoz. SEN NOTICIAS DA DEPUTACIÓN A preguntas dos medios de comunicación, á saída da xuntanza, a Presidenta da FAVEC, María Pérez, sinalou que a federación non recibiu noticias da Deputación de Pontevedra, única administración que inda non recibiu ao novo equipo directivo. “Seguimos á espera de que o Vicepresidente da Deputación retire as súas descualificacións contra do movemento veciñal e que nos comuniquen data e hora para celebrar esa reunión” afirmaron. A Comisión Permanente. |