sponsor

Cambiar tamaño del texto


Sports

Tamaño del texto: 10 12 14 16 18
O TSXG rexeita arquivar a causa contra Hernández e imputa dúas persoas máis.

Chama a declarar a un técnico da Deputación de Pontevedra e outro de Sercoysa, firma na que traballou o conselleiro.

MIGUEL PARDO 22/07/2010 - 01:01 h.

A Xustiza continúa a estreitar o cerco sobre o conselleiro Agustín Hernández. A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o sobresemento da causa na que está imputado o titular de Medio Ambiente da Xunta pola certificación dunha obra inacabada na súa época como director da área de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra. Ademais, decidiu ampliar a denuncia do PSdeG a dúas persoas máis, relacionadas coa empresa Sercoysa e o propio organismo provincial.

Segundo aseguraron a Xornal fontes da acusación, o xuíz rexeitou nun novo auto a petición do asesor xurídico da Deputación para o sobresemento libre con arquivo da causa, ao aclarar que aínda non se practicaron todas as dilixencias para o sumario, xa que incluso se aceptaron novas dilixencias documentais solicitadas polos socialistas.

NOVOS IMPUTADOS

Así, o maxistrado considera que podería haber “indicios de criminalidade” na certificación da variante de Lira sen estar construída, polo que admite a petición da parte querelante para ampliar a denuncia.

O auto do xuíz aclara que deberán prestar declaración como imputados Juan Sánchez, representante da empresa Sercoysa –adxudicataria da variante de Lira e coa que o conselleiro mantivo unha vinculación laboral hai anos– e mais Pablo Montero, técnico de contratación da Deputación de Pontevedra, organismo que promovía a obra con fondos europeos.

Fontes da Consellería de Medio Ambiente consultadas por Europa Press limitáronse a reiterar o máximo respecto polas decisións xudiciais. Hernández declarou a principios de mes como imputado en relación coa causa, derivada da denuncia do PSdeG presentada en maio do ano pasado no xulgado de garda de Pontevedra.

Este xulgado inhibiuse na causa a favor do TSXG por mor da condición de aforado de Hernández, que foi imputado xunto ao enxeñeiro técnico da Deputación, Baltasar Pujales, que exculpou o conselleiro ao admitir que certificou a finalización da obra sen saber o seu estado real e asumir así toda a responsabilidade.

Ambos os dous imputados coincidiron ante o TSXG en negarse a contestar a todas as preguntas que lles fixo o avogado da acusación, José Luis Prieto, malia que o titular de Medio Ambiente asegurara ante a prensa que contestara “ás preguntas dos maxistrados, do fiscal e da acusación”. O escrito da súa declaración acabou por contradicir as súas manifestacións ante os medios.

Ademais, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde de Salvaterra do Miño –concello por onde pasaba a estrada en obra–, Arturo Grandal, entre outros, tamén declararon como testemuñas. O dirixente do organismo provincial cargou toda a responsabilidade no técnico que exculpou a Hernández e acusou o PSOE de “intentar gañar nos xulgados o que non consegue nas urnas”.

Sexa como for, o caso do consellerio Agustín Hernández seguirá adiante. O pasado mes de abril, o TSXG admitira a trámite a querela e acordou incoar sumario polos delitos denunciados de “falsidade en documento oficial, estafa e/ou fraude á Administración Pública” á espera da cualificación definitiva.

A obra da variante de Lira está incluída no Plan Provincial de Cooperación­ da Deputación de Pontevedra de 2006 e foi licitada en case 400.000 euros e adxudicada á empresa construtora Sercoysa, á que Hernández estivera vinculado laboralmente con anterioridade, desde agosto de 2005 a marzo de 2006.

Segundo argumentou a Deputación de Pontevedra, a obra complicouse por problemas burocráticos e o proceso de certificación que se xulga foi realizado para non perder os fondos da Unión Europea para o financiamento da estrada, tal e como recoñeceron varios dos implicados no caso.

Agora, coa decisión do xuíz de non arquivar o caso e continuar as dilixencias, a estratexia do PP de eximir de toda responsabilidade a Hernández para centrala nun técnico tórnase inútil. Dous persoas máis terán que declarar como imputados nun caso cada vez máis escuro.

Fashion