A ONU, a través da
oficina en Xenebra da Alta Comisionada para os Dereitos Humanos, emitiu unha
nota pedindo ao Estado español a derrogación da Lei de Amnistía de 1977 porque
incumpre a normativa internacional en materia de dereitos
humanos.
"España está obrigada, baixo a lei
internacional, a investigar as graves violacións dos Dereitos Humanos, incluídas
as cometidas durante o réxime de Franco, e a procesar e castigar aos
responsables se aínda están vivos", afirmou o seu voceiro Rupert Colville,
durante unha rolda de prensa celebrada o 9/02/2012 naquela cidade
suíza.
Ademais, segundo a Oficina de
Dereitos Humanos da ONU, existe un deber cara as vítimas, que teñen "dereito de
reparación".
Colville lembrou que, conforme unha
recomendación de 2009 da Comisión de Dereitos Humanos da ONU, "España debe
derrogar a súa Lei de Amnistía, posto que non está conforme coas leis
internacionais de dereitos humanos". A devandita recomendación, elaborada por 18
expertos da organización internacional, toma como base o Pacto Internacional de
Dereitos Civís e Políticos, ratificado polo Estado español no ano
1985.
·
A Iniciativa Galega pola
Memoria apoia de xeito incondicional o pronunciamento da Alta Comisionada a prol da
inmediata derrogación da Lei de Amnistía do ano 1977, e fai un
chamamento a todos os colectivos de memoria, organismos sociais, sindicatos,
partidos políticos e á cidadanía en xeral para que, de maneira unitaria, se
sitúe este obxectivo político na máxima prioridade das mobilizacións populares e
accións parlamentarias. Ao tempo, declarase en contra do inxusto procesamento do xuíz Baltasar Garzón por pretender
investigar os crimes do franquismo, entendido este como unha
manifestación máis da impunidade que na actualidade disfrutan os responsables da
represión exercida pola Ditadura franquista.
En consecuencia, a
Iniciativa Galega pola Memoria é así mesmo contraria
a todo tipo de homenaxe pública a representantes do réxime franquista de
recoñecida traxectoria represiva, así como ás tentativas de agachar ou deturpar
os feitos dos que foron protagonistas. En concreto, a campaña do PP para
institucionalizar sen mácula a figura do ex ministro de Franco Sr. Fraga Iribarne, é particularmente
inxustificable. Neste sentido, a Iniciativa Galega pola
Memoria fará pública a súa oposición a calquera evento destas
características, instando a todos os partidos e organizacións sociais que se
reclaman do antifranquismo a poñer por diante a memoria das vítimas da Ditadura
e a non ser participes de iniciativas indignas que, ademais, van en sentido
contrario ás aspiracións de maior xustiza e liberdade para os pobos e para as
persoas.
Asemblea da
Iniciativa Galega pola Memoria , Compostela. 25 de
febreiro de 2012
* Se estás de acordo con este
pronunciamento e cos manifestos constituíntes da Iniciativa Galega pola
Memoria , e aínda non asinaches a adhesión individual ou da túa
entidade, podes facelo na seguinte ligazón.
--
Iniciativa Galega pola Memoria
www.igmemoria.org
Iniciativa Galega pola Memoria
www.igmemoria.org