sponsor

Cambiar tamaño del texto


Sports

Tamaño del texto: 10 12 14 16 18

Os Acordos polo Desenvolvemento Económico e Social «son o comezo» e céntranse «nas persoas e no emprego»

Os primeiros acordos do diálogo social en Galicia céntranse no impulso das políticas de emprego, na reactivación económica, no I+D+i, na mellora do financiamento das empresas e na protección social

30-07-2010.- O Sindicato Nacional de CC OO, UGT-Galicia, a CEG e a Xunta asinaron esta mañá os Acordos polo Desenvolvemento Económico e Social, os primeiros do actual proceso de concertación social no noso país. Entre os obxectivos principais destacan o impulso ás políticas de emprego, as medidas para a reactivación económica, a importancia do I+D+i para o cambio de modelo produtivo, a mellora das liñas de financiamento das empresas e a protección social.

Para CC OO, o problema máis importante que hoxe ten a sociedade «é o desemprego», xa que actualmente hai 219.000 persoas desempregadas, 90.000 traballadores e traballadoras que teñen esgotadas as prestacións económicas, máis de 35.000 familias que teñen a todos os seus membros en paro e máis de 50.000 persoas que levan máis dun ano sen atoparen emprego.

«Esta é a realidade sobre a que temos que actuar», asegurou Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral do Sindicato Nacional de CC OO. Xa que logo, estes acordos «son un paso urxente e importante», pero en calquera caso un primeiro paso porque «o proceso de diálogo e concertación non rematou». Desta maneira, as diferentes mesas continuarán a traballar «para producir acordos que reforcen ou amplíen o ata aquí desenvolvido».

O dirixente sindical lembrou, ademais, que aínda quedan por desenvolver e concretar acordos en temas «moi importantes», como as políticas industriais, o desenvolvemento territorial de Galicia, o desenvolvemento e aseguranza das políticas sociais ou a mellora e mantemento dos servizos públicos.

Segundo Sánchez Aguión, estes acordos e os que xurdiren «deberán estar clara e nitidamente reflectidos nos orzamentos da Xunta para o ano 2011», que se han centrar «nas persoas e no emprego». O sindicalista fixo tamén unha advertencia clara: os acordos, despois de ser negociados, consensuados e concertados, «son de obrigado cumprimento», e desde CC OO estarán «especialmente activos e atentos» a través dos mecanismos de seguimento e de avaliación acordados.

Fashion