O delegado en Galicia condea a “insubmisión” de Feijóo e advírtelle que “vai pagar”
Non están a ser ben acollidas no Goberno central as sucesivas declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a respecto da necesidade de que a débeda de Galicia co Estado sexa adiada sen que, ata o momento, existise máis contacto directo co Ministerio de Economía que a sesión do Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado onte en Madrid.
A ese malestar do Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero púxolle onte voz ao seu delegado en Galicia, Antón Louro, que, durante a presentación da actividade do Goberno de España na comunidade en 2009, optou por lembrarlle a Feijóo o marco de xogo financeiro entre as autonomías e a Facenda estatal.
Mentres, nunha conferencia en Santander, o titular da Xunta volvía poñer o acento na necesidade de que os anticipos enviados a Galicia por error non sexan devoltos ata a fin da crise, Louro consideraba “incrible” a actitude do presidente ante un sistema de devolucións que se insire no acordo de financiamento autonómico do verán de 2009 e que a Xunta rematou por asinar.
“Se a Xunta debe, ten que pagalo”, sintetiza o delegado do Goberno, para lembrar que, ante as directrices legais en materia fiscal “non cabe ningunha actitude reticente ou de insubmisión” dende o Goberno galego. Feijóo, insiste Louro, ten que actuar “dentro do ordenamento xurídico”, e por iso asegura confiar en que, finalmente, se situará “dentro da Constitución e do Estatuto”.
Non concorda esta previsión do socialista co manifestado por Feijóo na capital cántabra onde, no marco dun curso de verán sobre as relacións con Portugal da Universidade Menéndez Pelayo, combinaba a súa petición de adiamento cun avance das consecuencias que, ao seu xuízo, tería unha resposta negativa por parte do Goberno central.
Coa vista posta na elaboración dos Orzamentos Xerais do ano 2011, o presidente da Xunta insistiu en que o pagamento debe poder aprazarse ata dez anos –o que suporía unha modificación da lei que rexe o financiamento autonómico– xa que, de ter que “devolver esas contías en cinco anos”, o Goberno galego veríase na obriga de “poñer en risco servizos públicos”, isto é, a pór en marcha un novo recorte social.
Neste escenario, Feijóo retoma as súas críticas ao Executivo central e tamén ao Goberno bipartito da Xunta para asegurar que, se ben existe unha “corresponsabilidade no erro” de incluír nos Orzamentos previsións de ingresos que despois non se produciron, o Estado, di, trata agora de “utilizar” as comunidades autónomas para “rebaixar o seu déficit” por indicación da UE.
Feijóo realizaba estas consideracións ao tempo que, en Madrid, se reunía o Comité Executivo Nacional do PP, a última xuntanza da directiva popular antes das vacacións, presidida por Mariano Rajoy e á que tampouco acudiron os outros dous baróns autonómicos que reclaman adiar a débeda, os presidentes de Murcia e Castela e León.