sponsor

Cambiar tamaño del texto


Sports

Tamaño del texto: 10 12 14 16 18
Anxo Quintana: “Se Cataluña non é nación da Moreneta, non ten sentido aquí o de nación de Breogán”

“Dicir que o Estatuto non serve para nada ante a crise é unha auténtica propaganda tóxica de Feijóo”

“Agora non é só momento da declaración ideolóxica, senón para a política e iso significa ceder"

M. SEQUEIRO 07/07/2010 - 11:26 h.

Xa van tres anos desde o fracaso da reforma do Estatuto de Autonomía galega, pero a recente senteza do Tribunal Constitucional (TC) sobre o Estatut catalán reabre a porta a unha nova negociación en Galicia. Anxo Quintana (Allariz, 1959) era vicepresidente da Xunta e líder do BNG cando se intentou redactar un novo texto estatutario galego, agora, xa como deputado por esa mesma formación e vicesecretario do Parlamento galego, poucas das súas opinións de entón mudaron. Pero ten claro que moitas daquelas premisas están avaladas polo TC, malia ser crítico coa decisión deste tribunal.

Como unha das persoas que negociou o reforma do Estatuto galego, que valoración ten da sentenza do TC?

Nunha dobre vertente. Paréceme política máis que estritamente xurídica, e que pretende destruír a posibilidade de utilizar o marco constitucional para intentar transformar o Estado español nun Estado plurinacional, o que pon ao descuberto boa parte do cinismos da política española. Por iso, creo que é unha mala sentenza e un paso atrás dende un punto de vista democrático. Pero ten outra lectura, e é que a proposta de Galiza na pasada lexislatura era ter un Estatuto de nación e a columna vertebral diso si que está dentro do ámbito constitucional, e polo tanto a sentenza deixa sen argumentos ao PP que se negaba a ese Estatuto de nación, afirmando que non era constitucional.

O BNG presentou unha interpelación no Parlamento para instar ao pronunciamento da Xunta, que é o que debería facer agora o Goberno galego?

O que está dicindo o presidente da Xunta despois da sentenza demostra que lle importa pouco o contido do Estatuto galego, e está a facer un seguidismo mecánico da estratexia do PP a nivel estatal, que consiste en intentar frear todos os procesos de auténtica mellora do autogoberno. Feijóo coloca a estratexia do PP por diante dos intereses de Galicia, e con iso Galicia corre o perigo de quedarse atrás. A Cataluña se lle recoñece un estatus que Galicia non ten, e se non fai o posible por ter un Estatuto de nación vaise quedar atrás.

Teme que o PSOE poida reducir tamén as aspiracións neste sentido?

A postura do PSOE terán que explicala eles, eu sei moi ben o que ten que facer o nacionalismo e creo que o está facendo e espero que o siga facendo, xa o fixemos na pasada lexislatura. Pero a gran responsabilidade é do PP, que ostenta o Goberno galego. No 81 Galicia encadrouse con Euscadi e Cataluña como nacionalidade histórica, agora o TC acaba de dicir que esa diferenciación vai seguir, so que agora será entre os que se cualifican como nación, e os que non se cualifican así e a Galicia tócalle elixir en que división quere xogar. Estou seguro de que os cidadáns galegos, sexan ou non nacionalistas, queren que xogue na primeira división e Feijóo o que nós está propoñendo é que xogue en segunda. E o que espero do PSOE é que non queira nin propoña algo menor do que quixo para Cataluña. En Cataluña ao PSOE non se lle ocurriu dicir que era a nación da Moreneta, e por tanto estou seguro de que non ten demasiado sentido pensar que somos a nación de Breogán.

O termo nación sempre se situou como un dos principais escollos da reforma en Galicia, é así?

Non foi así, teño que negar iso. Efectivamente a cualificación de Galicia como nación é moi importante, porque ten valor político indubidable, pero somos nación na medida en que teñamos un nivel competencia axeitado e blindado, un modelo de financiamento acaído, e que participemos nos investimentos estatais cun criterio prefixado, todo iso nos converte en nación. Feijóo negouse pero o TC acaba de dicir que é constitucional que Galicia se denomine como nación no Estatuto.

Visto coa perspectiva actual, faltou altura de miras ou valentía naquela reunión de Monte Pío entre os tres líderes onde fracasou a reforma?

Non, eu creo que naquela reunión o PSOE e o BNG estiveron á altura das circunstancias e traballaron para que Galicia tivera a maior cota de autogoberno e quedara ao mesmo nivel das nacionalidades históricas. Pero Feijóo viña coa instrución de Madrid de que Galicia non tivera un Estatuto como o catalán. Recordo a Feijóo no Parlamento dicir que o termo de nación, se o Constitucional o amparaba, non tiña nada que axustar. Agora chegou o momento de que cumpra coa súa palabra.

Que cambiou na situación para que agora vaia adiante esa reforma?

O que cambiou, e cambiou para mal é que agora o presidente é o señor Feijóo e en vez de estar como presidente para colocar Galicia en primeira división, o que está e a facer carreira política en Madrid, e ese é o auténtico problema. Está máis preocupado por seguir as teses de Mariano Rajoy, que as necesidades obxectivas do país, e iso dende logo non nos coloca nunha boa situación.

É posible que PSdeG e BNG volvan facer algún tipo de acordo de mínimos?

O que houbo na anterior lexislatura foi algo positivo, pero agora é a actual dirección do Bloque a que ten que decidir e non me atrevo a vaticinar sobre algo que non me corresponde, estou seguro que acertará. O que está claro é que por unha cuestión tanto numérica como política o que fai falta é que o Estatuto sexa cousa de todos e todas, e polo tanto agora non é so momento para a declaración ideolóxica, senón que é sobre todo momento para a política, e iso significa saber ceder. O BNG vén demostrando unha grandísima capacidade de cesión nun asunto como este que para calquera nacionalista é especialmente sensible. O BNG ten a súa propia proposta, un Estatuto de nación que é o noso Estatuto ideal, e aínda así tivemos capacidade para ceder na pasada lexislatura.Eu pregúntome en que está disposto a ceder Feijóo, fixo algún aceno de ceder en algo?, todos teremos que ceder se queremos un Estatuto para Galicia.

Cre que Feijóo pode querer achegarse ao PSOE neste asunto e deixar de lado ao Bloque?

Non sei cal será a pretensión do señor Feijóo eu creo que ao único que quere arrimarse é ao señor Rajoy é o que nos demostra todos os días. Creo que o BNG vai xogar o mesmo papel de centralidade que no 2007. Por unha parte está o PP cunha clara tendencia a seguir as directrices do señor Rajoy e negar calquera mellora de autogoberno, e por outra, o PSOE que vai a estar moi pegado as teses que se diten dende a Moncloa, entre esas dúas correntes ten que estar o BNG, é a quen lle toca poñer o interese de país por riba de calquera interese partidario, non ten ningunha débeda con Madrid, e só ten que darlle continuidade a estratexia de Galicia.

Non será máis difícil que hai tres anos, debido á crise económica, convencer a xente da necesidade deste debate?

Esa é a auténtica propaganda tóxica do señor Feijóo dicindo que agora o importante é a crise e que o do Estatuto non serve para nada. Primeiro habería que preguntarlle se tan importante é a crise que fai el para solventala, nin sequera está usando os ámbitos competenciais que están na súa man para enfrontar a crise dende Galicia. E debería de saber que un dos mellores instrumentos para afrontar a crise é ter máis autogoberno, capacidade de financiación e competencias e poder facer políticas propias que palíen a situación económica do país. O autogoberno non é so para ratificar a nosa identidade, é tamén para ter instrumento cos que xerar benestar aos cidadáns e en época de crise é fundamental.

Despois da sentenza do TC para ir máis alá no Estado plurinacional sería necesario un cambio constitucional?

É evidente que o TC o que nega son as interpretacións democráticas e as interpretacións a favor do autogoberno e polo tanto o que nos está facendo un chamamento a modificar a Constitución no futuro. Agora, dentro do marco que temos hai que conseguir estar na primeira división cun Estatuto de nación e, a partir de aí, traballar para modificar a Constitución no futuro e que o Estado español pase a ser en termos xurídicos e políticos un Estado plurinacional.

Os partidos cataláns criticaron a sentenza e chamaron a unha manifestación o día 10. Hai unha fenda, como di o PP, e se rompe España?

España non se rompe, nin antes nin agora, o que hai é unha creba moi importante na confianza democrática das institucións do Estado. O que intenta botar abaixo o Tribunal Constitucional é unha lei que foi aprobada polo Parlament catalán, as Cortes españolas,e que o pobo refrendou. Declarar fora da Constitución algo así é tanto como negar o Estado democrático e as regras de xogo, e é algo moi difícil de aceptar por quen o fixo. Eu entendo o enfado das forzas políticas

Fashion