18
de novembro de 2015.- A Federación de Sindicatos de Periodistas apela ao
cumprimento da deontoloxía profesional para opoñerse ás mensaxes que poidan
contribuír á difusión do terror.
Ante os
recentes atentados terroristas de París, nos que foron asasinadas 129 persoas e
varios centos resultaron feridas, a Federación
de Sindicatos de Periodistas (FeSP) expresa o seu rotundo rexeitamento ao
terrorismo e a súa solidariedade e condolencias aos familiares das vítimas,
os feridos e o pobo francés. A FeSP súmase á mensaxe da Federación Europea de
Periodistas (FEP), á que pertence, e ao chamamento que fixeron aos profesionais
da comunicación para preservar a información das mensaxes de odio.
Unha parte
dos medios de comunicación de España, entre eles distintas radios e televisións
públicas e tamén privadas, cumpriron coa súa obriga de realizar un bo traballo
e informar con veracidade á cidadanía sobre estes atentados. Pero houbo medios,
columnistas e tertulianos de distintas cadeas de radio e televisión que caeron
na simple condena demagóxica e non ofreceron á sociedade unha análise
contextualizada do ocorrido. Tamén asistimos a malas prácticas xornalísticas
debidas ao sensacionalismo esixido por algúns xefes sen escrúpulos que
desprezan a información de calidade, veracidade e contrastada que reclama a
cidadanía.
Algúns
responsables das administracións públicas, dalgunhas formacións políticas e
diversos comentaristas recorreron a unha linguaxe bélica e reclaman “medidas de
urxencia” que poñerían en perigo o exercicio de dereitos e liberdades
democráticas esenciais da cidadanía.
Antes estes
prantexamentos, a FeSP recorda a toda a profesión xornalística e a todos os
medios de comunicación que:
-Hoxe
máis que nunca debemos observar as normas de estilo e atender as recomendacións
dos códigos deontolóxicos para non ofrecer informacións que conteñan mensaxes
de odio e de discriminación.
-É
necesario resistirse ás supostas necesidades de reforzar a nosa seguridade que
poden levar aparellado o recorte de liberdades individuais e colectivas.
-Ademais
de expresar a repulsa ao terrorismo e a súa condena, hai que denunciar tamén o
aumento das desigualdades e das discriminacións entre os pobos.
-Os
informadores, ademais de estar obrigados a ser veraces, temos a
responsabilidade de non empregar expresións que poidan contribuír a fortalecer
as mensaxes dos intolerantes e dos que queren aterrorizarnos.
A FeSP
recorda que para combater o terrorismo non hai que recortar dereitos e
liberdades e fai un chamamento á cidadanía a que distinga entre a comunidade
musulmá, que merece ser respectada, e o terrorismo xihadista, que sempre debe
ser condenado.
Non
ao terrorismo, si ás liberdades!
Junta
Ejecutiva Federal de la Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP)