
Mostra Internacional de
Teatro
de Ribadavia
Tel. 607332032
Nota de prensa
Ribadavia,
23 de xullo de 2012
Hoxe tivo lugar a Asemblea Xeral Anual de AFEARTE
(Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia) no marco do festival
MIT Ribadavia. Entre os puntos máis destacados na orde do día, ademais da
presentación da memoria de actividades anual, cómpre resaltar a valoración que
a Asociación fai da convocatoria de axudas da AGADIC-Xunta de Galicia e a
renovación da súa directiva, que a partir de agora estará presidida, segundo o
acordo unánime dos asociados, por Roberto Pascual, Director da Mostra
Internacional de Teatro de Ribadavia.
A Asociación quere emitir unha enérxica protesta pública con
respecto á resolución de axudas da AGADIC aos festivais de Artes escénicas,
relacionada con tres puntos capitais:
1. As exclusións de festivais como o FETEGA do Carballiño, a
MITEU de Ourense ou o Festival de Cee, entre outros, farán que as mínimas
oportunidades que podían ter festivais moi enraizados na súa comunidade acaben
pechando a posibilidade de dinamización que as artes escénicas poden ter nun
momento de recortes da programación anual de teatro de moitos concellos. Non é
comprensible que festivais tan ben valorados polo público e algúns deles
históricos acaben sendo eliminados totalmente das axudas da Xunta de Galicia.
2. Sorprende enormemente a inclusión de unha importante
axuda de máis de 10.000 euros a un festival de dubidable definición como
festival e sospeitoso cumprimento das bases da convocatoria, como é o festival
de Riós.
3. Non se cumpre coa promesa realizada pola Administración
pública de destinar 180.000 euros aos festivais de artes escénicas en 2012,
mantendo a axuda de 2011, algo aceptado pola Asociación despois de que a AGADIC
renunciase a aumentar as axudas. A cantidade total que destina a Xunta de
Galicia a festivais de artes escénicas en 2012 é de 166.342 €, 14.000 euros
menos ca o establecido, mentres moitos festivais que precisan de axuda quedan
sen ningunha opción.
Atentamente, Prensa MIT Ribadavia prensa@mitribadavia.com