sponsor

Cambiar tamaño del texto


Sports

Tamaño del texto: 10 12 14 16 18

CC OO denuncia as «penosas condicións laborais» do persoal que se enfronta día a día «cun lume que non dá cuartel»

O 75% dos accidentes na Xunta de Galicia prodúcense nas consellarías do Medio Rural e Traballo

31-08-2010.- O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC OO) denuncia as «penosas condicións laborais» do persoal que se enfronta día a día «cun lume que non dá cuartel». A organización sindical denuncia que a Xunta recortou preto de nove millóns de euros en materia de prevención na loita contra incendios coa escusa da «necesidade de austeridade e control do gasto público».

Desde CC OO rexeitan este tipo de recortes, especialmente cando a propia Administración autonómica recoñecía recentemente que o 75% dos accidentes laborais que se producen na Xunta de Galicia están concentrados nas consellarías de Traballo e Benestar e Medio Rural. «E iso que só se chega a investigar o 57% dos accidentes, co que se incumpre o compromiso de chegar ao 75% que ela mesma fixara», denuncia a responsable de Saúde Laboral do sindicato, Ascensión Esteban Ceballos.

Outra eiva está na «falta de respecto» que amosa o Goberno galego polos Comités de Seguridade e Saúde. Segundo o artigo 38.3 da Lei de prevención de riscos laborais, este órgano debe reunirse como mínimo cada tres meses; pero na Consellería de Medio Rural non se reúne desde o 31 de marzo de 2009; e «é tanta a molicie e a irresponsabilidade, que nin sequera se convoca de maneira extraordinaria e urxente tras o falecemento dos seus dous traballadores», critica Ascensión Esteban.

Material e medios precarios

Segundo a sindicalista, se a Xunta cumprise con esa obriga, «sabería que as fundas ignífugas dos brigadistas perden a súa eficacia cos lavados» e que, por riba, «obriga os propios traballares a lavalas na súa casa, cousa que incumpre a mesma Lei de prevención, que determina a obriga do empresario para esas tarefas». Ademais, estes profesionais carecen dun sistema básico de conexión entre eles, a excepción do portófono que leva o xefe de cuadrilla, «o cal neste caso podería evitar o terrible accidente de Fornelos ao haber outro medio de comunicación».

Por outra parte, a máscara que se lles fornece só é un filtrante de partículas e non de tóxicos, así que a súa eficacia «é nula, pois as máis das veces se atoa e o traballador ten que quitala», explica a responsable de Saúde Laboral de CC OO. Ascensión Esteban lembra que expertos contra incendios fan fincapé en que son necesarias máscaras que filtren os gases tóxicos que se desprenden dos incendios e que ao inhalalos poden provocar perda de conciencia. «Aos traballadores non se lles facilita un equipamento de protección complementaria, que inclúe un equipo de rehidratación e un refuxio ignífugo, como si se fai noutras comunidades autónomas».

Falta de formación

Desde Comisións Obreiras tamén se denuncia que na primeira liña de lume están brigadistas contratados eventualmente aos que se lles deu un curso de formación de dous días: o primeiro, teórico, de «riscos específicos por posto de traballo»; e o segundo día, sen curso práctico, danlles os equipamentos e ensínanlles as instalacións. O sindicato critica que esta «ridícula» formación é «practicamente a mesma» que recibe o persoal propio da Xunta.

Para CC OO, existe unha «falta de investimento» en medios técnicos e humanos, así como «falta de interese real». Esta situación provoca non só inseguridade, senón tamén un alto risco de accidentes «de consecuencias irremediables». Ascensión Esteban insta a Administración a ser primeira empresa que debe dar exemplo real e efectivo en materia preventiva, «xa que é a promotora e executora das políticas activas en materia de loita contra a sinistralidade laboral, e sobre todo tendo en conta que actualmente está a impulsar o Plan Estratéxico de Loita contra a Sinistralidade Laboral en Galicia 2006-2010».

Pacto social

Por estes motivos, CC OO esíxelle á Xunta, como tamén ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), órgano técnico e competente na materia, «que se faga unha investigación rigorosa e seria sobre as causas do accidente de Fornelos de Montes, e que esta sirva de vez para depurar responsables, non só penais senón tamén políticos». Ascensión Esteban reclama tamén con carácter «urxente» un gran pacto social pola defensa do monte galego na loita contra incendios «que evite que esta situación chegue a converterse en algo habitual e endémico na nosa comunidade e que poña en valor dunha vez por todas o gran potencial do rural, tanto económico como ambiental».

Fashion