sponsor

Cambiar tamaño del texto


Sports

Tamaño del texto: 10 12 14 16 18

Arévalo visita na Veigadaña as obras de construcción da nave de TYM Ganaín, que estará rematada a principios do ano que ven

Esta empresa de caldereiría naval e industrial adheriuse ó plan de formación do Concello de Mos e formará a 10 desempregados mosenses de setembro a novembro

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelliro de Formación e Emprego, Óscar Soto, e a concelleira de Urbanismo, Julia Loureiro, visitaron onte as obras de construcción da nova nave da empresa de caldereiría TYM Ganaín no Parque Empresarial Mos-Veigadaña.

Segundo lles informaron responsables da empresa ós representantes municipais, prevese que os traballos de construcción se atopen totalmente rematados de cara ó primeiro trimestre do vindeiro ano 2013, sobre o mes de marzo, máis concretamente, para poder inaugurar e abrir as súas portas en abril.

Esta nave, que contará con oficinas e fábrica, estase a edificar nuna parcela de 8.000 metros cadrados na Veigadaña. Tras a apertura das novas instalacións en Mos, a empresa TYM Ganaín manterá a súa palntilla de 99 traballadores que se repartirán entre Vincios e a nave mosense no polígono da Veigadaña.

TYM Ganaín é unha das empresas asentadas en territorio mosese que nas últimas semanas foi visitada por Soto e Arévalo e acordou adherirse ó plan de formación con opción a contratación futura para desempregados veciños do Concello de Mos.

Durante o encontro de onte, os representantes da empresa xa lles concretaron á rexedora local e ó tenente alcalde e edil de Formación e Emprego que finalmente, e tras a sinatura do convenio de colaboración, iniciarán a formación nas súas instalacións en materia de caldereiría industrial e naval de 10 persoas que comenzarán a recibir clases dende o vindeiro mes de setembro e ata o 12 de novembro de 2012.

A ronda de visitas polas empresas de recente asentamento no Parque Empresarial Mos-Veigadaña e por outras xa instaladas noutros lugares do municipio, foi iniciada polos representantes municipais fai poucas semanas para poñer en marcha un plan conxunto de formación para desempregados, dada a longa listaxe de veciños en situación de desemprego que se dirixen ó Concello de Mos na procura dun posto de traballo e de asesoramento laboral. O obxectivo destas visitas é a posta en marcha dun proxecto de convenios de colaboración con empresas ubicadas na localidade mosense en materia de formación de persoas en situación de desemprego con posterior compromiso de inserción no mesmo lugar onde se cursou a formación.

Este plan de formación ideado polo Concello mosense consiste en que as empresas interesadas en adherirse mediante convenios de colaboración formen ós desempregados co perfil que lles interese nos postos concretos que a empresa decida, correndo a cargo da administración local os gastos de seguro das persoas en formación. Pola súa banda, os empresarios adquiren o compromiso de crear unha bolsa de emprego cos alumnos formados, á que recurrir no momento que precisen contratar a alguén nese posto, ben por aumento do volumen de traballo ou para substitucións de baixas médicas e vacacións, etc. Ademais, a formación recibida serviralles ós formados para ter máis posibilidades de ser contratados noutras empresas do mesmo sector da que os formou.

O obxectivo prioritario deste proxecto é o de fomentar a formación e a contratación dos mosenses menores de 35 anos, xa que neste rango de idade existen desempregados que carecen de formación algunha, atopándose nunha situación de total desvantaxe.

A intención do Concello é a de que as empresas interesadas en participar neste proxecto poidan comenzar a impartir a formación en setembro e ata finais de ano. As previsións municipais son de lograr a formación de unhas 50 persoas, aínda que cada empresa é a que decide a cantas persoas pode formar e canto tempo é necesario para a súa formación.

TYM Ganaín

            TYM Ganaín é unha empresa de caldereiría con máis de 25 anos de experiencia na fabricación para os sectores naval e industrial, fabrica ademais todo tipo de produtos para o sector naval entre os que se atopan tobeiras, timóns, tuneis de hélice de maniobra,  e carcasas para turbinas de centrais hidroeléctricas, tubos de bocina, bloques de buques, estabilizadores, paus, plumas, portas, escotillas, escaleiras, condutos de ventilación, montaxes navais, reparacións navais, etc. Tamén presta asistencia no deseño de ditos produtos, dende o trazado ata a xestión e aprobación de planos coas distintas entidades de clasificación.

            No ano 1997 TYM Ganaín implantou un sistema de calidade co que obtivo ese mesmo ano a certificación ISO 9002:1994 por Det Norske Veritas España. No 2003 TYM Ganaín, como parte do Grupo Ganaín, un conxunto de empresas con presencia en distintos sectores industriais, recertifícase pola nova norma ISO 9001:2000 en Produción de Elementos Soldados de Caldereiría pola Industria Naval e Terrestre. Para facelo novamente en 2005 baixo a norma ISO 14001:2004, consecuencia do compromiso adquirido pola dirección da empresa fronte á conservación da natureza e do medio ambiente. Tamén contan coa OHSAS 2007 en Sistemas de Xestión de Saúde e Seguridade Laboral.

            O nivel de exportación de TYM Ganaín representa máis do 85% da súa producción total. Esta empresa exporta a países da Unión Europea coma Francia, Portugal, Alemaña, Dinamarca, Polonia, Suecia, Finlandia e a países de fóra da Unión coma Noruega.

O principal produto de exportación de TYM Ganaín son as tobeiras e os timóns. Entre os clientes da empresa atópase Rolls-Royce Marine A.S.

Fashion