sponsor

Cambiar tamaño del texto


Sports

Tamaño del texto: 10 12 14 16 18

Traballadores do AVE bloquean a entrada das obras en protesta polo despedimento duns 200 compañeiros

CIG-Construción reclama alternativas ao cese e denuncia que no tramo vigués os operarios seguen a facer horas extra

Preto dun cento de traballadores/as do tramo vigués do AVE, delegados/as da CIG e parados/as do sector bloquearon a entrada das obras en Redondela durante boa parte da mañá en protesta polo despedimento de arredor de 200 compañeiros/as coa excusa dunha avería nunha das tuneladoras. A federación da Construción e a Madeira da central nacionalista denuncia que os operarios que seguen na zona continúan a facer horas extras e reclama ás administracións unha alternativa aos ceses.

O acto reivindicativo comezou pasadas as once da mañá, despois de que os traballadores/as decidisen en asemblea as accións a realizar, na entrada á zona dos traballos en Maceiras, Redondela. Os concentrados bloquearon -sen que se producise ningún tipo de incidente- a entrada dos camións encargados da retirada dos refugallos que se extraen dos túneles, o que pasadas unhas horas obrigou á empresa a paralizar a cinta que os transporta até o exterior. Tamén colocaron na zona varias pancartas onde se podían ler mensaxes rexeitando os despedimentos e denunciando as condicións laborais que padecen os empregados. Neste senso, algúns deles relataron aos medios de comunicación que estaban obrigados a facer xornadas de até 13 horas diarias e que realizaban o seu labor en contacto con materiais potencialmente perigosos.

En canto aos despedimentos, dende a CIG-Construción denunciaron o escurantismo co que o Goberno español, a patronal e os sindicatos estatais pactaron o cese de arredor de 200 operarios/as alegando que problemas técnicos nunha tuneladora terían reducido o volume de traballo. A central nacionalista, maioritaria no sector na provincia de Pontevedra, non foi convidada ás negociacións e critica que a decisión fose adoptada sen consultar aos traballadores/as.

Os despedimentos, que xa foron comunicados mediante carta, afectan a un total de 107 empregados/as da UTE Acciona-FCC e a arredor de 60-70 postos de traballo indirectos das subcontratas. Dende a CIG-Construción cualifican de “excusa” o feito de que se esgrima a avaría nunha das máquinas encargadas de abrir os túneles para mandar para a casa aos operarios durante un mínimo de dous meses. Lembran que noutras obras nas que se detectaron problemas similares, como no caso dos túneles de Guadarrama e Pajares, a maquinaria volveu traballar no espazo dunha semana. Diante disto, o secretario nacional da federación, Xoán Xosé Melón, indica que a rescisión dos contratos “está pactada entre todos porque lles interesa: ao Ministerio porque non ten cartos, como demostra que teña parados outros tramos, e ás empresas porque saben que van tardar en cobrar”.

O dirixente sindical critica duramente o xeito en que se está a levar o proceso e reclama alternativas aos despedimentos. Sostén que a saída dos traballadores foi pactada en Madrid polas cúpulas dos sindicatos españois CCOO e UGT, que na súa opinión, funcionarían como aval das teses da patronal “sen consultar os traballadores”. Aposta por outro tipo de saída, como podería ter sido un ERE temporal e adianta que o máis probábel que até o mes de xaneiro non se volva a reiniciar a actividade nesta zona.

Finalmente, dende a CIG-Construción instan á Xunta de Galiza a que tome cartas no asunto e aclare a situación. Reclámanlle que faga público se é certo que técnicos autonómicos desaconsellaron a utilización de explosivos para seguir cos traballos, tal e como propuxeron as empresas. “Parece que os técnicos da Xunta son máis partidarios de construír unha galería por detrás do túnel aberto para conectar por detrás coa zona da máquina avariada, o que levaría como mínimo uns dous meses”, indica Xoán Xosé Melón.

Fashion