sponsor

Cambiar tamaño del texto


Sports

Tamaño del texto: 10 12 14 16 18

Estrea de rebaixas con folga no téxtil

A conflitividade en Vigo e Pontevedra contrastou coa xornada tranquila e sen aglomeracións no resto de Galicia.

A.G./S.T./A.S. 02/07/2010 - 02:15 h.

O primeiro día das rebaixas de verán en Vigo converteuse nunha loita entre sindicatos, comercios e clientes na que centos de cruceiristas do Independence of the seas foron testemuñas de excepción. A folga do sector téxtil afectou de cheo á zona máis comercial da cidade e os piquetes, concentrados desde as nove da mañá ante o Museo de Arte Contemporánea (Marco), traballaron arreo para evitar que houbese vendas. Os ovos voaron contra as fachadas das grandes superficies e tamén houbo enfrontamentos no interior dalgunhas tendas.

O despregamento de efectivos antidisturbios da Policía Nacional, que levou a cabo numerosas identificacións, devolveu a calma nas rúas do Príncipe e Urzáiz, lugares con maior asistencia de clientes. As protestas laborais deixaban tras de si un paréntese que os comercios aproveitaban para abrir as súas portas, aínda que sempre alerta ante o regreso dos sindicalistas. A paz regresou ao mediodía, pero durante a tarde reproducíronse as escenas e gran parte das superficies víronse obrigadas a pechar.

En Santiago de Compostela a xornada de rebaixas foi diametralmente oposta á de Vigo. O día transcorreu con total normalidade. Os consumidores botáronlle un pulso á calor e mergulláronse nun caos de colas, roupa e mesmo algún que outro empurrón. Malia o medo de que a crise afectara negativamente, en xeral o persoal das tendas afirmou que a crise e a suba do IVE non supuxeran un problema e que todo estaba a desenvolverse de xeito positivo. A media que teñen pensado os composteláns consultados onte para desembolsar do peto oscila entre os 50 e os 100 euros. Nun descanso da colocación sempiterna da roupa, unha dependenta afirma: "Ás rebaixas non lles afecta nin un terremoto".

A maioría dos consumidores confesan ir ás rebaixas por vicio, aínda que hai algúns previsores que afirman petiscar algo xa para o outono. A Organización de Consumidores e Usuarios recomenda facer unha lista para saber que é o que realmente se necesita. Porén, nas rúas compostelás, a resposta máis habitual era “merco o que me gusta aínda que non me faga falta”.

O público maioritario foi o feminino, aínda que os dependentes coincidiron en que as rebaixas se están democratizando e o sector masculino comeza a interesarse cada vez máis polo mundo da moda.

Os escaparates con carteis que prometían, xa no primeiro día, descontos de ata o 70% –aínda que a maioría fixaban o 50%– tamén atraparon os coruñeses, que se debateron entre a xornada de praia e as compras estivais, animados por un intenso día de sol. O bo tempo animou as compras no entorno da rúa Real, que compartiu o protagonismo cos numerosos centros comerciais da cidade, aínda que sen grandes aglomeracións.

Fashion