sponsor

Cambiar tamaño del texto


Sports

Tamaño del texto: 10 12 14 16 18
Carlos Aymerich
Carlos Aymerich. Portavoz parla...
31-07-2010 00:30

Austeridade e responsabilidade

Falabamos a semana pasada acerca da particular idea que Núñez Feijóo e o seu goberno teñen da ética a conto do seu famoso “compromiso ético coa austeridade”. Como era de agardar, o goberno español rexeitou a súa pretensión de adiar a devolución dos anticipos recebidos pola Xunta a conta da liquidación dos exercicios de 2008 e 2009 e, sen demora, o presidente galego acusou a Zapatero de estar a executar un “recorte social encuberto”. Falso. Os recortes sociais de Zapatero, ditados polo FMI e partillados polo PP non son encubertos: aplícanse abertamente sexa no ámbito laboral, no das pensións ou na suba dos impostos indirectos. E falso tamén, noutro sentido, porque como xa sabemos Núñez Feijoo non agardou por ninguén, e menos que por ninguén polo goberno español: de facto é un adiantado na eliminación e privatización de servizos e prestacións, sempre á procura de excusas coas que xustificar o enésimo recorte.

E esta política de austeridade, que non impide gastar catro millóns de euros nunha visita papal de catro horas, non recoñece barreiras. No seu nome péchanse os hospitais no verán, dánselle bocadillos aos alumnos nos comedores escolares e, desde o pasado mércores, ábrense ao marisqueo zonas nas que se segue a verter a cachón e sen control ningún augas fecais e residuos de todo tipo. No peculiar sistema de valores do PP de Feijóo pesa máis a austeridade –aforrar as compensacións aos mariscadores afectados – que a seguranza, alimentar, e a protección do medio ambiente. Así acontece, por exemplo, na moi contaminada Ría do Burgo, na que a Consellería de Pesca vén de abrir ao marisqueo, clasificada como zona B “estábel”, a zona comprendida entre a ponte da Pasaxe e a barra de Santa Cristina mesmo a pesar da evidencia, comprobábel a simple vista, de que a zona segue sen sanear. Se para isto hai que forzar a normativa comunitaria tomando as mostras á altura da rampla das Xubias, fóra da zona afectada, tanto ten. Se na operación se pon en cuestión o prestixio internacional dunha institución como o Intecmar, tanto ten. Tampouco interesa se se pón en risco a imaxe de marca do marisco de Galiza ou a saúde dos consumidores. O único que importa é aforrar o escaso millón de euros que, anualmente, viñan percibindo os afectados.

O pasado xoves o patrón maior da Confraría da Coruña convidou a unha mariscada a conselleira de Pesca. “Apañamos unas ameixas da ría do Burgo, depurámolas e comémolas. Aínda que seguramente eu comerei outra cousa”. Onte, venres, e sen contestar a tan amábel convite, a conselleira arremeteu contra o BNG acusando de irresponsábeis aos que denunciamos o lamentábel estado da zona que se vén de abrir ao marisqueo. Contodo, quen son os irresponsábeis?, os que denunciamos que a ría do Burgo segue sen sanear ou os que, sen eliminar nin un só dos moitos puntos de vertido que a contaminan e en nome dunha mal entendida austeridade declaran que as súas augas son aptas para o marisqueo? Alá cadaquén coa súa responsabilidade.

Fashion