sponsor

Cambiar tamaño del texto


Sports

Tamaño del texto: 10 12 14 16 18
Unha gravación implica na operación 'Carioca' ao ex subdelegado do Goberno

O político tería tentado retrasar a expulsión dunha das prostitutas da rede ilegal dirixida por policías

XORNAL.COM

O ex subdelegado do Goberno en Lugo Jesús Otero confesouse onte “absolutamente tranquilo”, malia que aparece nas gravacións telefónicas relacionadas coa Operación Carioca, que investiga unha rede de prostitución ilegal nesa provincia, cunha conversación na que supostamente tentou atrasar a expulsión do país dunha muller estranxeira.

“Eu non teño nada que comentar, nin nada que engadir, simplemente que estou coa mesma tranquilidade e a mesma conciencia tranquila de sempre”, afirmou en declaracións á axencia Europa Press a raíz de que a revista Interviú desvelara que chamou, en maio de 2009, á brigada de estranxeiría para pedir aos axentes que atrasasen a expulsión dunha suposta prostituta.

Por aquela data, Jesús Otero xa non era subdelegado do Goberno en Lugo, posto que se viu forzado a dimitir o 6 de marzo de 2009, tras ser imputado na investigación xudicial sobre irregularidades na Xefatura de Tráfico de Lugo consistentes na suposta retirada de sancións.

Na conversación intervida por orde xudicial e que figura no sumario da Operación Carioca que aínda está baixo segredo, Jesús Otero di que a prostituta pola que pregunta “é a moza dun concelleiro de Monterroso que é do Opus” e que “quere casar ao rapaz coa rapaza esta”.

Segundo divulgou onte a Cadena Ser, o axente fala entón cun compañeiro que lle asegura que esta muller xa ten voo para ser deportada e lle aclara que con quen se iría casar é cun empresario da construción que ten familia en Monterroso –de onde é natural o ex subdelegado do Goberno en Lugo–, non cun concelleiro.

“ACLARAR A SITUACIÓN”

Jesús Otero asegurou que está “absolutamente tranquilo” e subliñou que, “ao final, serán os tribunais de xustiza os que aclaren a situación”. Ademais, dixo que descoñece exactamente do “que se fala”, porque non escoitou a radio. “O único que sei é o que me chega da xente que me chama, pero sigo coa mesma tranquilidade e o mesmo espírito de sempre”, afirmou.

Porén, o ex subdelegado do Goberno en Lugo tamén explicou que de quen falaba nesa conversación era dun “ex alumno” seu, “fillo dun concelleiro” en Monterroso, que finalmente casou coa muller en Colombia, de onde ela era orixinaria.

A Operación Carioca, que instrúe a titular do Xulgado Nº1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes, investiga unha suposta rede de prostitución ilegal en Lugo pola que xa se imputaron medio cento de persoas. Hai sete detidos, entre eles un cabo da Garda Civil e un inspector da Policía Local.

O ex subdelegado do Goberno xa prestou declaración como imputado pola Operación Carioca o 30 de abril deste ano, supostamente por omisión do deber de perseguir un delito en función da responsabilidade xerárquica que exercía sobre axentes da Garda Civil, tamén imputados neste mesmo caso, e como máximo responsable da concesión de permisos de residencia que se tramitaban dende os servizos de estranxeiría en Lugo

Fashion