sponsor

Cambiar tamaño del texto


Sports

Tamaño del texto: 10 12 14 16 18

Traballadores/as de Gestamp e Grupo Antolín protestan diante das empresas para reclamar a sinatura do convenio

Denuncian o bloqueo nas negociacións con concentracións diarias nas instalacións dos polígonos de Valadares e Porriño

Os traballadores/as das empresas auxiliares da automoción Grupo Antolín e Gestamp de Vigo iniciaron un calendario de mobilizacións para reclamar a sinatura do convenio colectivo. Os operarios denuncian o bloqueo das negociacións con concentracións de protesta diarias ás portas das instalacións das compañías nos polígonos de Valadares e Porriño.

Os empregados de Gestamp Vigo comezaron o pasado xoves unha serie de mobilizacións de protesta polo bloqueo na negociación do convenio colectivo. Dende o comité de empresa explican que non poden aceptar a conxelación salarial proposta pola dirección cando non se garante a estabilidade laboral do actual plantel a longo prazo.

Os primeiros actos reivindicativos consisten en concentracións ás portas das instalacións que a compañía ten no polígono das Gándaras de Porriño durante a hora do bocadillo. Os traballadores/as queren denunciar deste xeito o inmobilismo da patronal e as propostas que pretende introducir no convenio, como a conxelación salarial a cambio de garantir que non prescindirá de ningún empregado durante o ano 2010. Dende o comité de empresa consideran que isto non pecha a porta a futuros despedimentos unha vez rematado o actual exercicio.

Representantes dos traballadores e da dirección levan máis de dous meses negociando o convenio colectivo dunha compañía que ao ano pasado presentou un Expediente de Regulación de Emprego temporal que afectou a 180 dos 336 empregados. A partir do luns as concentracións lévanse a cabo a diario en dúas quendas: de 10.00 a 10.15 horas e de 18.00 a 18.15 horas.

Grupo Antolín Vigo

Os empregados/as de Grupo Antolín de Vigo iniciaron este luns unha serie de concentracións diante das instalacións da compañía no polígono tecnolóxico e loxístico de Valadares para protestar polo bloqueo nas negociacións do convenio colectivo. Os representantes da CIG no comité de empresa denuncian que a nova proposta da patronal supón unha volta atrás nos acordos acadados no mes de maio.

Os delegados sindicais da central nacionalista explican que optan por retirarse da negociación tras máis dun ano de conversas porque consideran que as pretensións da dirección da compañía son “inaceptábeis”. En concreto, critican que a última proposta presentada polos responsábeis de recursos humanos supón “un retroceso nos acordos que xa tiñamos pactados en maio, como a xornada anual ou os descansos”.

Outros dos puntos de fricción é a duración do propio convenio, tal e como indica o delegado da CIG Miguel Cabreira. “Pretenden aumentar a súa vixencia até o 2013, cando xa estaba apalabrado que se prolongaría até finais deste ano”. Neste senso, o representante sindical considera que a compañía está tratando de adiar o acordo para forzar unha negociación favorábel aos seus intereses e fai fincapé no feito de que as centrais españolas CCOO e UGT decidiron continuar as negociacións en solitario.

Diante disto, os delegados da central nacionalista decidiron abandonar a mesa de negociación e iniciar unha serie de actos reivindicativos para denunciar a situación de bloqueo. As mobilizacións, que comezaron o luns, consisten en concentracións ás portas da empresa no polígono industrial de Valadares durante os cambios de quenda (entre as 13.30 e as 14.30 horas).

Fashion