sponsor

Cambiar tamaño del texto


Sports

Tamaño del texto: 10 12 14 16 18

Traballadoras/es do Comercio e Textil da provincia convocan unha xornada de folga para o vindeiro xoves día 1 de xullo

O sector protestará o primeiro día de rebaixas polo bloqueo nas negociacións dun convenio que afecta a unhas 4.000 persoas

As traballadoras e traballadores do sector do Comercio e Textil da provincia de Pontevedra participarán na xornada de folga convocada polos sindicatos CIG, CCOO e UGT para protestar polo bloqueo nas negociacións do convenio colectivo. O paro, que se prolongará durante todo o día, afectará a unhas 600 empresas e a arredor de 4.000 empregados/as.

Comercios, mercerías e tendas de roupa pecharán as súas portas o vindeiro xoves día 1 de xullo, coincidindo co inicio das rebaixas de verán, para denunciar o inmobilismo da patronal tras máis de ano e medio sen avances na negociación do convenio. O paro afectará tamén a grandes multinacionais do sector como Inditex, H&M ou Cortefiel. O anuncio foi feito hoxe en rolda de prensa por representantes dos tres sindicatos.

Dende as centrais sindicais convocantes explican que as conversas suspendéronse o pasado 31 de decembro de 2008, sen que en 2009 e 2010 se teñan producido avances. “A oferta que fai a patronal é un convenio de tres anos cun incremento salarial do 1,5% en 2009, 2% en 2010 e 2,5% en 2011, o que na práctica supón uns 12 euros de subida, tendo en conta que o salario medio son 834 euros”, indica María do Tránsito Fernández, secretario comarcal da CIG-Servizos de Vigo. A representante sindical lembra que as pretensións que manexan as tres centrais contemplan chegar aos 1.000 euros en dous anos, nun sector con maioría de mulleres e moi precarizado, onde os contratos a tempo parcial son masivos.

Pola súa banda, a responsábel de Acción Sindical de CCOO, Rosa Pérez, incidiu en que se trata dun sector ao que non lle está a afectar a crise económica e cuxas multinacionais rexistraron beneficios “incluso superiores aos dalgúns bancos”. A representante sindical censura que, a pesar desta situación, “as empresas seguen a manter unhas condicións laborais indignas”. Nesta liña, apostou tanto por conseguir mellorar os salarios como por “regular o sector no que respecta a contratacións, condicións laborais e categorías profesionais”.

Finalmente, a responsábel de Acción Sindical da UGT da provincia de Pontevedra, Eva María Rojas, quixo deixar claro que non van renunciar ao carácter retroactivo do convenio e reclamarán os 18 meses de atrasos unha vez aprobado o documento.

Fashion